«Lograr unha mobilidade sustentable é clave para mellorar a saúde das persoas e para garantir o futuro do planeta”, Demetrio Gómez, concelleiro de Obras Urbanas de Pontevedra
Edigal entrevista ao concelleiro de obras urbanas de Pontevedra, Demetrio Gómez. Con el repasamos as estratexias de desenvolvemento sustentable aplicadas na cidade nos últimos anos…
-Menos accidentes de tráfico e unha redución das emisións contaminantes superior ao 60%. É parte do resultado que conseguiu Pontevedra coa súa aposta pola peonalización, sen dúbida, logros para estar orgullosos…
A verdade é que si. En Galicia fomos pioneiros cando iniciamos este proceso. Noutros lugares do mundo había experiencias das que collemos ideas para xuntalas nun proxecto único e só aplicable a esta cidade, Pontevedra. Polo tanto, o feito de que ao longo destes anos consigamos salvar vidas e mellorar a calidade da saúde demostra que é para o que temos que estar quen nos adicamos a xestionar o público.
-Este modelo de cidade é recoñecido como exemplo a seguir; The Guardian incluso cualificou Pontevedra como “un paraíso”. A mobilidade sustentable, por que debe ser unha prioridade para os concellos?
A mobilidade sustentable ten que ser un obxectivo para os concellos. Durante moitos anos as cidades deseñáronse para os vehículos privados. O que temos que facer agora é recuperar a esencia das ciudades, que estaban pensadas para as persoas. Non hai máis que botar un ollo á cidade medieval de Pontevedra, onde os coches non collían na praza porque estaba pensada para as persoas.
A mobilidade é sustentable cando serve ao obxectivo de que as persoas vivan mellor. Se a mobilidade dos vehículos nos expulsa das ciudades, entón non serve. Polo tanto, é inescusable que traballemos sobre a mobilidade sustentable.
-Pontevedra foi pionera na peonalización, outros municipios galegos foron máis lentos no desenvolvemento deste proceso. Que alternativas se deben ofrecer para que deixemos de empregar o coche nas cidades?
Fomos pioneiros en poñer a peonalización en práctica non en inventala. A alternativa é pór o espazo público a disposición das persoas, e para iso hai que camiñar. Aquí en Pontevedra podes coller o coche e ir a calquera sitio, pero para moverte polo centro da cidade a maioría escollemos andar, case sempre, porque nos resulta moito máis cómodo, máis agradable. Podemos encontrar un amigo, tomarnos unha caña, facer un recado… todas esas cousas que se poden facer ao mesmo tempo son as que che empurran a que o vehículo quede na casa. Polo tanto, a alternativa é que a xente prefira ir andando, algo que non se fai case en ningún sitio.
-Pontevedra preside Ciudades que caminan, rede internacional que busca mellorar o espazo público para fomentar os desprazamentos a pé. Que logros conseguistes?
A propia Rede xa é un logro. As cidades integradas na Rede comprométense a traballaren, digamos nunha liña semellante á de Pontevedra, é dicir, a impulsaren este proceso de que as cidades sexan para as persoas, que se empreguen métodos alternativos ao vehículo como camiñar, a bicicleta… O que estamos conseguindo é poñernos de acordo e que se nos vexa. Por poñer un exemplo, o Ministerio de Transición Ecolóxica tivo en conta os criterios que lle propuxemos dende a Rede para o reparto dos Fondos Next Generation na mobilidade alternativa.
-Precisamente esta rede celebrou o seu su 8º congreso en outubro baixo o lema Andando se entiende la gente.
Efectivamente, é que hoxe en día é imprescindible que camiñemos polas cidades. É o método máis natural e temos que descubrir a maneira de que as persoas queiran camiñar. En Pontevedra xa avanzamos e agora cada cidade ten que buscar o seu propio camiño. Estámonos xogando o futuro do planeta.
-Os expertos alertan que o cambio climático podería provocar alteracións na fisionomía das cidades, pola suba do nivel do mar. Loitar contra o quecemento global implica ao conxunto da sociedade. As administracións locais, que papel deben ter neste escenario?
Os gobernos locais teñen a responsabilidade de xestionar o espazo público. Pola súa parte, o ecoloxismo defende que os seres vivos teñamos o mellor medio ambiente posible para desenvolvérennos e para que o planeta se manteña en pé. A cerna que xunta esas dúas ideas é a decisión e a valentía política para adoptarmos as medidas necesarias. Todos os gobernos temos unha responsabilidade e dende a xestión do espazo público, tamén.